Cara onde vai a feira medieval de Betanzos?

CARA ONDE VAI A FEIRA MEDIEVAL

O motivo do presente artigo é abrir unha reflexión que nos leve a un debate aberto, construtivo e clarificador, no que participen os diferentes sectores betanceiros que se implican ano tras ano na feira medieval: asociacións culturais, hostaleiros, comisión da feira, etc., cómpre amosar o que se pensa sen rodeos sobre o camiño que está a tomar a nosa feira que, por outra banda, moitos pensamos que se atopa en claro declive.

A Asociación lar de Unta, participante activa na feira dende a súa primeira edición, cre que é hora de mudar e aportar novas ideas, somos conscientes de que o ambiente de pasadas feiras está en franca decadencia, menos xente betanceira vestida de época, que se a crise, que se chove, etc. Poderíamos apuntar unha serie de factores a mellorar.

No tema das mercadorías: hai artigos que se venden que non cadran en absoluto coa recreación dunha feira medieval, é necesario un regulamento sobre o que se vende: as pizzas ultraconxeladas non semellan ser moi medievais, hai que coidar a galería, se queremos ter unha feira medieval decente ou convertela nun feirón semanal. Controlar tamén as xerras de barro, moitos postos de bebida dan directamente o líquido en plástico no canto do barro, din que é porque se quedaron sen louza xa o venres… non ten sentido ningún agochar os colectores con sacos e logo a mínima dar renda solta ao macrobotellón .

No que se refire aos decorados lembremos o hórreo instalado no Azougue o ano pasado, lamentable erro corrixido neste ano, de todos xeitos un pouco máis de palla polas rúas non ficaba mal.

Retirar os compresores,valados e demais parafernalia das eternas obras do casco vello axudaría outro pouco.

No tocante a intendencia eléctrica dos postos gastronómicos, bombonas de butano, etc, hai que ter coidado e que non apareza o microondas en pleno esplendor, lembremos que estamos no século XIV e hai sacos para agochalos.

No que son os actos poderíamos probar novos eventos e representacións; as revoltas irmandiñas dan moito xogo e Betanzos foi o berce do movemento, hai que innovar ou morrer.

Tamén organizar actos simultáneos en diferentes lugares da vila, o Torneo concentra  a meirande parte dos visitantes no campo mentres o casco vello se baleira, non se podería queimar a bruxa ao mesmo tempo que se fai o Torneo?

É xa para rematar falar dos feirantes, son os peóns da feira e os que ano tras ano coa súa participación activa ambientan as rúas do casco vello, pero como en todo hai feirantes e hai moinantes: na puxa dos postos cómpre desterrar “o vale todo se pos os cartos por diante”, un coñecido empresario monopolizou a feira nesta edición. Non ten o Concello medios para evitalo?. Que aporta este individuo na feira?, produtos elaborados industrialmente e conservantes a esgalla. Nesto queremos que se converta a feira? Xa se lle deberon cortar as ás moito antes. Aínda que todos nós participamos no espírito da feira franca medieval, hai algún paxaro aínda nostálxico dos tempos da servidume medieval.

Por hoxe damos por rematado o conto e que outros entren ao trapo, que fervan as testas e a ver que sae.

ASOCIACIÓN LAR DE UNTA

  • By Fran, 19 Abril 2010 @ 6:31 p.m.

    Onde imos xa se ve, pero nos seguiremos no mesmo sitio

Other Links to this Post

Olark Livehelp

WordPress Themes